por Javier Gómez

Pinceladas de Arte e Historia

Anunciación de Yebra de Ares

lunes 24 marzo 2008

O primeiro que chama a atención nesta proposta de Yebra de Ares sobre o clásico tema da Anunciación son as dúas partes da composición, diferenciadas tanto no estilo como na paleta.

O fondo é, sen dúbida, una herdanza do máis puro estilo postcubista no que non se busca unha representación ilusionística das cousas senón, máis ben, unha plasmación intelectual e completa dos diferentes obxectos. Por iso, estes represéntanse dende todos os ángulos posibles poñéndoos simultaneamente como se foran un mosaico de espellos. Trátase, polo tanto, de reconstruír nun único momento a suma de moitas sensacións visuais que ó seren plasmadas simultaneamente se consegue eliminar o tempo que tardariamos en percibilas. Deste xeito, as cores apáganse e transfórmanse xa que non hai que simular o real, é a cor do intelecto non da vida. Figuración e espazo empezan a desintegrarse en planos xeométricos unindo as distintas visións reais que se poden ter dun obxecto, pero que son incorporados simultaneamente á superficie do cadro. Desta multiplicación intelectual dos raios do sol parte a esquematización xeométrica da man e da luz de Deus que vai tocar coa gracia á Virxe e tráenos un halo de esperanza á humanidade do mesmo xeito cá man coa vela que sae do escuro fondo no Guernica de Picasso.

No primeiro plano cámbiase, en certa medida, estes presupostos pictóricos. A virxe atópase desposuída do típico trono co que adoitaba aparecer nas representacións románicas e sentada na humilde banqueta pecha os ollos e encóllese sobre si mesma asumindo e aceptando resignadamente o seu destino. A tensión do momento é transmitida a través dos pregues ondulantes da roupaxe e da

propia disposición inestable da figura. Sen embargo, esta tensión que reflicte o corpo ten a súa antítese na propia faciana serena e tranquila da Virxe que nos lembra aqueles rostros sintéticos da corte imperial Bizantina da época de Teodosio.