por Javier Gómez

Pinceladas de Arte e Historia

Xanela prerrománica do pobo de Arxiz (Monterroso)

jueves 03 abril 2008

A xanela de Arxiz é testemuña do proceso repoboador que acontece ó longo do século X en Galicia e que vai seguido dun renacer da vida relixiosa, en moitos casos promovida por iniciativa privada. Vilas e poboados son receptores neste momento de xentes procedentes do Sur e das comarcas cristiás da franxa cantábrica que poñen en funcionamento abundantes propiedades rústicas de extensión variable nas que se erguen numerosos cenobios, ermidas e pequenas igrexas. Todos eles son edificios destinados acumprir unha función litúrxica, deixando a estética e a beleza da construcción nun segundo plano.

Dun destes edificios litúrxicos rurais que estaría ubicado en Arxiz é de onde, probablemente, proceda esta xanela. Foi atopada en 1988 nunha casa deste pobo ó desfacer unha ventá que daba luz á corte das vacas. Mide 61x79x17 cm e está formada por dous arcos en ferradura apoiados nun parteluz central que non amosa ningunha orde de capiteis nin semella ser tampouco unha pilastra. Está decorada cunha moldura, a modo de liña, que bordea os ocos centrais, debuxando na intersección dos dous arcos da ferradura unha sinxela cruz.

Estas xanelas, que poderiamos explicar dentro do estilo Mozárabe que leva parello ás veces a arquitectura asturiana, teñen un eminente carácter popular de obras de canteiro máis que de artista. O exemplar de Arxiz non é único en Galicia. De feito, atópanseoutras pezas similares nesta comunidade. As máis senlleiras son as localizadas en San Xoán de Camba e Reza a Vella (Ourense), ambas depositadas no Museo Arqueolóxico de Ourense, e as dobres xanelas de Atán (Lugo) e Melias, esta última tamén na provincia de Ourense. Todas estas teñen o mesmo estilo e características cá de Arxiz, sen grandes logros técnicos e de fácil montaxe.

Na provincia de Lugo, ademais da de Atán, localízase outra peza elaborada cos mesmos criterios en San Salvador de Soutomerille(Castroverde), se ben, neste caso, posúe catro arcos en vez de dous e pode ser emparentada con modelos hispanovisigodos toledanos onde é frecuente a repetición de varios arcos sobre columniñas.

Anunciación de Yebra de Ares

lunes 24 marzo 2008

O primeiro que chama a atención nesta proposta de Yebra de Ares sobre o clásico tema da Anunciación son as dúas partes da composición, diferenciadas tanto no estilo como na paleta.

O fondo é, sen dúbida, una herdanza do máis puro estilo postcubista no que non se busca unha representación ilusionística das cousas senón, máis ben, unha plasmación intelectual e completa dos diferentes obxectos. Por iso, estes represéntanse dende todos os ángulos posibles poñéndoos simultaneamente como se foran un mosaico de espellos. Trátase, polo tanto, de reconstruír nun único momento a suma de moitas sensacións visuais que ó seren plasmadas simultaneamente se consegue eliminar o tempo que tardariamos en percibilas. Deste xeito, as cores apáganse e transfórmanse xa que non hai que simular o real, é a cor do intelecto non da vida. Figuración e espazo empezan a desintegrarse en planos xeométricos unindo as distintas visións reais que se poden ter dun obxecto, pero que son incorporados simultaneamente á superficie do cadro. Desta multiplicación intelectual dos raios do sol parte a esquematización xeométrica da man e da luz de Deus que vai tocar coa gracia á Virxe e tráenos un halo de esperanza á humanidade do mesmo xeito cá man coa vela que sae do escuro fondo no Guernica de Picasso.

No primeiro plano cámbiase, en certa medida, estes presupostos pictóricos. A virxe atópase desposuída do típico trono co que adoitaba aparecer nas representacións románicas e sentada na humilde banqueta pecha os ollos e encóllese sobre si mesma asumindo e aceptando resignadamente o seu destino. A tensión do momento é transmitida a través dos pregues ondulantes da roupaxe e da

propia disposición inestable da figura. Sen embargo, esta tensión que reflicte o corpo ten a súa antítese na propia faciana serena e tranquila da Virxe que nos lembra aqueles rostros sintéticos da corte imperial Bizantina da época de Teodosio.

Pondus romano do Castro de Amarante (Antas de Ulla)

lunes 24 marzo 2008

Esta peza foi atopada por uns albaneis no mes de Abril de 2002 durante os traballos de reparación efectuados no muro dunha finca anexa a unha casa no propio pobo de Castro de Amarante. Ó verlle uns trazos raros o propietario da leira avisou o cura párroco e director do Museo Parroquial de Monterroso D. Carlos Méndez.

O tamaño dos numerais non é uniforme vai, máis ben, decrecendo tanto de dereita a esquerda como de abaixo cara arriba, medindo 10 cm máis grande e 1,5 cm o máis pequeño. A peza en conxunto ten un diámetro de 25 cm. Tanto o soporte como a escritura son moi sinxelos e denotan que na súa execución non participou unha man profesional. No primeiro caso, a rareza da forma semiesférica vén acompañada da tosca preparación do soporte que se limitou, simplemente, a partir pola metade a pedra orixinaria, empregando a cara de rotura, sen puir nin traballar, como campo epigráfico. Neste lugar trazáronse unha sucesión de numerais que se amosan enlazados cos dous trazos colocados na súa parte superior dereita a través dun “V”. Desta forma poderíamos ler “XXV” na liña central e “II” nese lateral dereito superior, o que daría a cifra total de “XXVII”. Aínda que o exemplar non indica a unidade de medida empregada é probable que reflicta a expresión numérica dun pondus de época romana. Esta hipótese pode ser en parte corroborada polo propio peso da peza que é de 8.980 gramos o que correspondería, case exactamente, a 27 libras indicadas no epígrafe, tendo en conta que o peso dunha libra romana é de 327 gramos.

A provincia de Lugo non é allea o achádego deste tipo de pezas, conputándose un total de tres exemplares conservados todos eles no Museo Provincial de Lugo. Nos tres casos ademais de empregarse o mesmo tipo de material o peso sinalado polos numerais coincide co peso real da peza. Estamos, polo tanto, ante uns exemplares similares na súa tipoloxía e funcións ó atopado no Castro de Amarante.

Estas afinidades refórzanse ó analizar o ductus empregado no texto o que, agás o atopado na propia cidade de Lugo, amosa ser descoidado e sen módulo moi lonxe do estilo dos cuadratarii. A propia rureza do soporte é tamén unha constante, sendo palpable unha aparente despreocupación pola estética, explicable qui

Neste senso, é improbable que estes exemplares fosen realizados polos obradoiros de canteiros locais sendo máis lóxico pensar que serían os propios donos os que apurados polas necesidades derivadas das actividades agrícolas-comerciais tivesen a necesidade de construílos coas súas propias mans e aforrar deste xeito o alto custe que suporía ser encargada. De feito, tanto o “X” coma o “V” do exemplar de Amarante presenta certos paralelismos con certos graffiti da cidade Lugo así como con outros atopados en Chelmsford (Caesaromagus, Gran Bretaña), sobre todo cos marcados cun simple “X”. O descoido que impera na súa elaboración está xustificado, polo tanto, ó seren obxectos de uso cotián, sen valor estético, e non ser destinados a un uso relixioso ou funerario.

zais por efectuar unha priorización cara ó propio uso e función da peza. Neste senso, casos parellos poden ser os dous pondera de Castillós, sobre todo, o marcado co numeral XXVI xa que está a amosar de novo un descoido na súa factura e unha execución ruda dirixida soamente a satisfacer as necesidades para as que a peza foi concebida.